Meigasfora

    Estes intrépidos individuos poden presumir, fano de feito, de ter sobrevivido a un longo confinamento entre as paredes do IES Fontexería; hoxe, xa ceibes, sométense case voluntariamente ó duro interrogatorio dun dos seus exprofesores. Este estremecedor documento intenta dar resposta á universais preguntas (quen non as fixo alguna vez?): hai vida alén do instituto? E  se hai… Como é o asunto? Son os nosos fontexeiráns polo mundo.
    Grazas artistas! 

            Aí vai o cuestionario e as contestacións.

1) Canto tempo hai que saíches do insti?

2) Qué estás a facer agora? (estudos, traballo, non me vaias contar que estás a rañar o bandullo!)

3) É moi diferente a vida aí fóra?

4) Qué é o mellor e o peor que lembras do insti?

5) Podes contarnos alguna anécdota da túa estadía no Fontexería?

ROSA FIUZA

Picture
1. Saín hai 2 anos máis ou menos.

2. Estou en segundo ano da carreira de Traducción e Interpretación, facendo un Erasmus en París nunha escola bastante snob. Teño o duro deber de ir a clase obrigatoriamente nove horas por semana, polo que se pode deducir que estou terriblemente ocupada. Pero o certo é que con tantas cousas que ver é imposible aburrirse. E cando non teño que facer vou de festa (non fai falla dicir que a miúdo).

3. Bastante. Vivo nun piso de 23 metros cadrados, pago unha cantidade tan exorbitante que me dá vergoña mencionala por se se cuestionan as miñas capacidades cognitivas. Comparto sofá cama cunha amiga (algo moi pouco patético). Estiven un mes en pleno inverno sen electricidade (luz, auga quente e calefacción). E como anécdota cabe dicir que cando chegamos ao piso o "toilette" non funcionaba. “Muy finos los franceses”. Pero malia todo estou moi contenta de estar alí, encántame.

4. O mellor supoño que as clases de historia con Ramón. (É broma) *. Creo que foi unha época moi divertida e alí fixen amigas para toda a vida, coas que aínda que estea lonxe sigo tendo a mesma relación. Pero non quero poñerme sentimental.  E o peor, creo que é o agobio que inducen os profesores desde o primeiro día de segundo de bacharelato con selectividade (pero non estou botando nada en cara).

5. Moitas, pero ningunha que queira deixar por escrito. Dunha maneira vaga podo falar de parvadas na clase, algunha que outra hora en Columba e comentarios de profesores que che farían caer da cadeira. Foi unha época moi boa e debería aconsellar que se debe aproveitar e blablabla.

*HERR DIRREKTOR TOMA NOTA

DAVID VÁZQUEZ

Picture
1Acabei o instituto no ano 2004, así que hai uns 6 ou 7 anos.

2 Agora mesmo estou en Londres, fundamentalmente para ter unha experiencia nova e para ver se desta aprendo o “inghlés”. Estou traballando, facendo un curso de inglés na Universidade e algún outro curso cando coinciden horarios.

3 Londres é una cidade multicultural, así que se pode dicir que hai de todo en todas as partes. É unha metrópole plagada de actividades e oportunidades. Culturalmente ten unha oferta abraiante, tamén dende o punto de vista profesional, se ben, hai moita competencia. Pese as posibilidades desta cidade, outra cousa ben diferente, é dispor do tempo necesario para facer todo o que un quere, aquí o tempo pasa moito máis rápido!

4 A liberdade que tiñamos, todos nos coñecíamos, as gamberradas eran noticia na propia casa en cuestión de horas… en xeral, recordo que había moi bo ambiente entre profesores e alumnos.

            Chámame a atención a actitude de algúns profesores cos alumnos, son moitas horas dentro de un centro polo que dá para aprender moitas cousas. Teño que agradecer enormemente que moitos profesores se volcaran para espertar en nós un espírito crítico, moi necesario nestes tempos que corren…

            O peor… afortunadamente non gardo ningún recordo negativo do instituto.


5 Teño un moi bo recordo de unha excursión a París, creo que en 4º de ESO. A pesar de ser unha idade difícil para levar de excursión a un rexemento de adolescentes, acórdome do ben que nos desenvolvemos e do bo ambiente que había, unha experiencia que non se paga con cartos.

 

Rubén Lado

Picture
1  Pois vai xa para 4 anos para ser exactos pero parece que aínda foi o ano pasado.

2  Agora estou facendo un máster en Organización Industrial e Mercados Financieros en Santiago de Compostela, non sei moi ben se estou facendo eu o máster ou se me fai el a min, pero bueno, neso ando. Antes de facer este máster estiven en Vigo facendo a Diplomatura en Ciencias Empresariais.

3  Sí, sinxelamente é moito mellor. Estar fóra da casa todo o ano dá moita liberdade e iso aumenta a conciencia de responsabilidade dun mesmo. Por iso, vale a pena pasar un tempo esforzándose no instituto para despois poder sair a descubrir o que hai por fóra. As clases nunha universidade son moi distintas ás do instituto así como o trato cos profesores, sen embargo tamén permite centrarte no que máis che gusta e o nivel de esixencia, así como o ritmo ao que quere estudar pono un mesmo. O tema da convivencia fóra da casa familiar pois é outro aspecto que anima un descubrimento do que che rodea moito maior. Todo iso é unha experiencia que ninguén debería deixar escapar.

4  Pois ademáis das pizzas de Eduma que aínda saboreo cada vez que as recordo está o trato cos profesores, sempre moi cercanos con todos nós. Tamén recordo algo que ahora xa nunca pasa que é "podes baixar a persiana que reflexa" Despois pois tamén recordo grandes debates que tivemos na clase ou certos días como un día que fixemos un simulacro de incendios. 

5 Pois pensando en anécdotes simpáticas, recordo que o día que fixemos o simulacro un compañeiro escondéuse no baño "así o estipulara dirección para simular que alguén se podía quedar" e saíu ao cabo dun bo anaco dicindo " Qué, xa non vos acordábades de min?"

Xaquín Abadín

Picture
Pois con este van dous anos: 2008/2009 ata 2010/2011.

Estudar, máis me prestaria rañar o bandullo pero a vida e cruel xD. Estou en Vigo, na E.T.S. de Enxeñeiros Industriais.

3  Bastante, na universidade es libre de organizar ti o teu tempo e a túa rutina como máis che compre, ou como poidas. Ademáis creo que é a primeira experiencia na que te sintes completamente dono da túa vida, é dicir que ti manexas o teu tempo como se che antoxe, sen posibles presións por parte dos pais ou familia. Eso si tamén te decatas de que es completamente responsable das tuas accións.

4  O mellor creo que son as "saídas didácticas do centro" e as excursións, tres son as que lembro con máis cariño: A de fin de ciclo en 4 de ESO a Roma, A 2ª Edición da Liga de Debate e a visita aos Picos de Europa.

            O peor, pese a que realmente non tiven experiencias malas no instituto, creo que é a saturación de exames e probas que ten o curso.Isto supuña prácticamente un exame ou dous a semana. E en época de exames, un ó día.

5  Sinceramente, as máis curiosas e divertidas, non creo que sexan moi de agrado dos profesores que lean esta revista. Polo tanto resérvoas para cando nos topemos un día de cañas. E saúdos a todos.

Premiado, por algo será...

Picture
    Para poñervos en antecedentes hai que comentar que estes premios celebraron este pasado 2010 a súa oitava edición.

    O Concello de Santiago de Compostela e "Nova Escola Galega" convocan
os "Premios Educacompostela", co fin de recoñecer, promover, premiar e difundir publicamente aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poidan contribuír ó desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.

    Sacamos  da páxina santiagodecompostela.org este parágrafo:

    Finalmente, concedeuse unha mención especial ao traballo Ad Latinitatem, elaborado por José Alfonso Blanco Quintela, do IES Fontexería, en Muros. Ao Xurado chamoulle a atención este proxecto "pola súa orixinalidade, creatividade e innovación á hora de tratar o latín co alumnado de 4º da ESO". Considera que "cobre un baleiro de materiais que non existía para estas idades e propón unha metodoloxía alternativa para a ensinanza do latín diferente do libro de texto, ademais de integrar as áreas musicais coa ensinanza desta materia".

 
          Agora que xa sabedes de que estamos a falar pasamos a escoitar ó protagonista (cos ollos, lendo, tamén se escoita).

MF- O primeiro é o primeiro, felicitacións Alfonso, ou agora hai que dicir Don Alfonso?

A- En realidade, son Don desde que rematei 3º de BUP e, polo tanto, Bacharel. Con ese título (agora hai que esperar un ano máis que antes para obtelo), disque xa eres Don. Pero, como non teño pensado converterme nun capo da mafia, non o vou empregar. Nunca, nin de estudiante nin de profesor, me gustou que se dirixiran a min dun xeito máis formal que "Alfonso".

MF- Como lle senta a un que lle fagan un recoñecemento público sobre o seu traballo?

A- Senta moi ben. Na profesión docente non debemos, creo, traballar pensando nun recoñecemento diferente ó que nos poidan demostrar, se o teñen a ben, os nosos alumnos. Con todo, non oculto que me producíu un gran pracer ver o meu traballo recoñecido por un xurado no que se atopaban moitas persoas vencelladas ó labor didáctico e educativo en Galicia, a través do Concello de Santiago e Nova Escola Galega.

MF- Como foi o acto de entrega de premios?

A- Foi un acto bastante sinxelo (o cal eu agradecín), celebrado no Salón de Actos do Concello de Santiago, no Pazo de Raxoi. Como é lóxico, presidíuno o alcalde de Santiago e había certa presencia de medios informativos. Un portavoz do xurado foi chamando por turno a cada un dos agasallados, que recibimos os nosos obsequios e diriximos unhas palabras de agradecemento ó público, formado sobre todo por familiares, amigos e compañeiros de traballo dos premiados. Quizais o mellor foi o cambio de impresións entre todos ó final do acto, que resultou moi cálido (e menos mal, porque fóra ía un frío incrible).

MF- Cóntanos así por riba en qué consiste ese teu traballo “Ad Latinitatem” tan piropeado.

A- Como saben os meus alumnos de 4º, trátase dun achegamento á lingua latina e á cultura de Roma. Son consciente de que non todos os que collen Latín en 4º ESO fan despois Bacharelato (e, aínda facéndoo, non escollen a materia de Latín). Con todo, eu non quero toparme en 1º de Bacharelato con alumnos que xa saben moito de gramática e traducción (por ter dado a materia en 4º ESO), e outros que parten de cero (por non tela dado). En canto á metodoloxía, cada Unidade inclúe bastantes exercicios para que o rapaz empregue o que sabe de antes gracias ás demais materias lingüísticas, e así comprender a enorme herdanza latina que aínda hoxe disfrutamos (polo menos eu). Por outra parte, e dada a miña querencia polas presentacións dixitais, abuso da paciencia dos rapaces amosándollelas e animándoos a que as realicen á hora de elaborar os seus traballos. Para rematar, na parte final do curso, apréndolles as declinacións latinas mediante unha canción. Polas caras que poñen cando llela ensino, non me estranaría que calquera día entrase pola porta un comando de empregados dun frenopático traendo unha camisa de mangas moi longas, pero, na miña experiencia, resulta divertido e as declinacións (só dúas en 4º) acábanse aprendendo. Se o meu mestre de guitarra o soubese...

MF- Como reciben os teus alumnos a proposta de “Ad Latinitatem”?

A- En xeral, estou bastante seguro de que lles gusta, por como reaccionan. En canto a se aprenden moito ou pouco, non sabería dicilo con seguridade. Teño unha referencia cos matriculados en 1º de Bacharelato, pois nese curso xúntanse rapaces que pasaron polas miñas gadoupas e outros que non, por vir doutros centros. Evidentemente, o nivel de gramática latina que dou eu é moito máis baixo que o que fornece un profesor que, de setembro a xuño dá latín-latín. Pero eu, honestamente, e dado o sistema educativo no que vivimos (sobre o que teño un xuízo... mellor deixalo), considero máis axeitado presentar unha panorámica ampla do que supón a lingua latina e a civilización romana.

MF- Perdoa que che faga esta pregunta Alfonso pero… para que vale o latín hoxe en día?

A- Pois vou dicir aquilo de "me alegra que me haga esta pregunta". O latín hoxe serve para moi pouco... e para moitísimo. Se se me permite varrer un pouco para casa, pensemos na cantidade de licenciados en Filoloxía Clásica que gañan o seu pan como profesores gracias ó Latín. Ademais, o coñecemento do Latín ten un futuro glorioso, se facemos caso á Igrexa Católica: o Día do Xuízo Final (que, segundo nos levan dicindo centos de anos, "está preto") esixirá unha grande cantidade de intérpretes, pois é de esperar que a divinidade, en calquera forma que se presente, fale na lingua de Roma. Se esta segue a ser unha das linguas oficiais do Estado Vaticano, será por algo, non? Xa máis en serio, o latín ten, ó meu xeito de ver, dúas utilidades básicas: a primeira consiste en abrir a porta para unha mellor aprendizaxe das nosas linguas (a maioría das nosas palabras proceden do latín) e doutros idiomas romances e non romances, pois a súa organización interna facilita, creo eu, a comprensión do funcionamento dun gran número de linguas; a segunda utilidade do latín ten que ver coa súa condición de lingua dunha cultura que é, xunto coa grega, forma a base da nosa actual: boa parte dos nosos costumes e usos actuais, en todos os eidos, xa estaban vixentes na Antiga Roma. Estou convencido de que coñecer e comprender o noso pasado pode facer de nós seres humanos máis interesantes.

MF- Tes agachado no peto algún proxecto máis?

A- Algo hai, e ten que ver cun xeito de viaxar no tempo, pero de momento non direi nada. Iso si, comprométome que, cando o teña listo (se chego a telo), Meigas Fóra terá a exclusiva...

MF- Pois moitas grazas profesor por facer que o nome do Fontexería saise na prensa relacionado coa calidade de ensino. Desexámoste moitos máis éxitos dun xeito non completamente desinteresado.

A- Quédovos moi agradecido por sacarme a pasear pola galería da revista do noso Centro. Meigas fóra, que dure moito tempo, sobre todo porque se beneficie da participación da nosa Comunidade Educativa.

MF- Para rematar, queres comentar algo que non se me ocorrera preguntar na entrevista?

A- Acta est fabula ("Rematou o conto"), que disque dicían os actores romanos cando remataba unha representación. En Hollywood acurtárono co seu The End. A min gústame dicir: "Ala!"


OUTRAS VOCES PARA A LINGUA

Picture


            A defensa, a promoción, a transmisión dun idioma son labores tan importantes como a creación literaria nese mesmo idioma.

            No noso país temos unha institución, a Real Academia Galega (RAG), que dende o ano 1963 homenaxea ás persoas que se distinguiron (no pasado) pola súa creación literaria (novela, ensaio, poesía, teatro, etc) en galego.

            Iso está moi ben, máxime se nos decatamos que a data da recuperación desta memoria da creación literaria en galego comezou nunha época ben difícil para o idioma. Tratábase dun recoñecemento, do agradecemento público no nome, en certa forma, do pobo galego aos creadores nunha lingua, nun idioma pequeno, feble, mesmo desprezado por algúns alleos e tamén por algúns propios. Foi un acto de xustiza con eles e coa lingua que é o mesmo que dicir con nós mesmos; deste xeito démoslle o agradecemento público que merecía algo tan noso.  Antes dese momento o recoñecemento só se obtiña a través dalgunha homenaxe  dos amigos cando se publicaba unha obra; pero era todo moi privado. Co Día das Letras é unha institución a que nos representa a todos nese acto de homenaxe ás persoas creadoras e por extensión, ao idioma mesmo.

            Ben, quixera traervos unha reflexión ao respecto disto que acabo de sinalar. Partimos da xustiza de homenaxear a nosa lingua na persoa da creación literaria; e quixera levar a vosa atención ao termo “creación”, unha fermosa expresión que nos transporta ao territorio da imaxinación, da xenialidade, da sensibilidade,  da representación do propio. Afortunadamente somos un pobo no que estas capacidades están ben representadas e aseguran o futuro.

            Así, que a creación está asegurada e convenientemente celebrada e conmemorada; non debería haber temor nese eido.

            Pero penso tamén noutras persoas sen as cales a nosa lingua carecería de outras formas, doutros medios, doutras expresións igualmente necesarias para seguir vivindo. Non me refiro a persoas concretas, que tamén as hai, senón máis ben referireime a persoas colectivas, a grupos, certamente constituídos por individualidades, máis sen que a individualidade, como na creación literaria, desenvolvan un papel tan imprescindible. Sendo necesarias as individualidades, neste caso as colectividades que conformaron resultaron ser imprescindibles para a lingua. E creo que merecerían tamén unha homenaxe. Aquí vai o meu.

            Quixera que non se borrara da memoria colectiva, da nosa memoria de pobo, o labor que a prol da lingua desenvolveron tantas e tantas e tantas persoas, destas “persoas grandes”.

            Loxicamente son incapaz de sinalalas todas, nin é o meu propósito facer un catálogo exhaustivo de todas e cada unha delas, porque sería imposible para min. Simplemente quero lembrar a algunhas delas para que despois, quen queira, poda ampliar o listado de nomes e profundar nas súas traxectorias.

            Gustaríame que lembrarades ás corais, as masas corais, aos coros que puxeron no ar os cantares populares galegos en galego, como a Coral Polifónica Follas Novas, fundada na Coruña nos anos trinta do século XX, ou a Coral de Ruada, nada en Ourense no ano 1919, o coro Airiños da Ulla (A Estrada, 1923). Mesmo unha delas, a coral Galicia Nova, cantará nas primeiras misas en galego, celebradas na cidade da Coruña no ano 1966.  A Coral Polifónica El Eco, fundada no ano 1882 gravará no ano 1966 un disco con cancións galegas en galego como Negra Sombra, Os Teus Ollos e mesmo o Himno Galego, no ano 1966, en plena ditadura de Franco.                                                     

            Pero tamén deberían ser inesquecibles os cantautores e grupos que nos anos sesenta do pasado século comezan a interpretar diversas formas musicais en galego, como Miro Casabella, Andrés do Barro, Suso VaamondeEmilio Cao, Fuxan os Ventos, Milladoiro, e un etcétera moi longo. Todos eles permitiron á lingua contar con novos medios de transmisión e creación, a música popular nada máis e nada menos.                                                                             

            Outro colectivo moi importante e que merecería ser lembrado con gratitude pola defensa que facía da lingua, mediante o seu uso en tempos moi difíciles e nun medio, como era o urbano, non moi proclive ao seu emprego, son as asociacións culturais; porei un par de exemplos sabendo que deixo practicamente a todas fóra do tinteiro, pero dúas delas quizais deberían ser citadas polo seu carácter emblemático; estou a referirme á Asociación Cultural  O Facho, da capital coruñesa e outra, a  A.C. O Galo da vella Compostela. Elas traballaron arreo a prol da lingua, do noso idioma, en circunstancias certamente complicadas e ingratas.                                                      

            E tamén deberiamos lembrar ás editoriais que publicaban en galego; nada da creación literaria tería chegado a ollos das persoas que len se algunhas outras persoas e as súas modestas empresas editoriais non apostaran polo idioma, mesmo sabendo que non era un negocio moi rendíbel. Penso en Ediciós do Castro, en Galaxia,  en Xerais, en A Nosa Terra...Tampouco son as únicas, afortunadamente, nin foron as primeiras. Por iso quero facer fincapé no feito de que, se ben poñendo nomes propios, en realidade quixera resaltar o papel colectivo, neste caso, as editoriais galegas que publican en galego.

            Non quixera pecar de premioso nin estender a miña reflexión de máis. Hai moitos colectivos, moitos grupos de persoas que de xeito xeneroso, arriscando en ocasións a súa liberdade, tomaron riscos de todo tipo por defender a súa lingua, o seu idioma. E creo que sen eles a creación literaria, con ser importante non esgota a capacidade dun idioma, dunha lingua. E que todas as outras voces que acabo de sinalar tamén merecerían un recoñecemento, un agradecemento de todos nós, porque en certa forma así tamén nos recoñecemos nós, como pobo.

(c)  Alfonso González Asenjo, 2011