Meigasfora

IMPRESCINDIBLES

Picture
    Con este título queremos homenaxear ás persoas probablemente menos coñecidas por vós que traballan no noso centro pero sen as cales sería imposible que este funcionase correctamente. Son persoas que levan moitos anos  con nós, pero que habitualmente non temos contacto con elas, así que imos entrevistalas para coñecer un pouco máis ás... IMPRESCINDIBLES !

Gloria

Picture
            Todos vós tedes ido xunto a Gloria polo menos unha vez cada curso, cando vos matriculades. Ela traballa na secretaría do centro, que é  a oficina que está no corredor que leva aos despachos do equipo directivo, a aula de convivencia, en fin, xa sabedes a cal me refiro. Pois alí traballa Gloria xunto con Xavier, o seu compañeiro de oficina.  Seguramente descoñeciades que Gloria é a persoa que leva máis tempo traballando no instituto; leva aquí máis que calquera profesor, que Xaquín ou Sendón, que son os máis antigos no centro. Ademais, como ten moi bo carácter parece que é unha rapaza e ninguén pensaría que é a única persoa que continúa no instituto dende a súa creación. As súas dúas fillas estudaron aquí e hoxe xa son dúas mozas feitas e dereitas. Todo o “papeleo” das matrículas, becas, títulos, e outros asuntos máis son responsabilidade de Gloria e de Xavier, ou sexa que sen eles o centro tería bastantes dificultades para funcionar.

         
  Imos facerlle unhas preguntas para coñecer a súa visión e opinión ao respecto do instituto.

 Estamos na oficina de secretaría; Gloria deixa o seu traballo e atende as nosas preguntas

MF/.Ola Gloria, bos días, Cando comezaches a traballar no instituto?

GLORIA/.
Ola; comecei no ano 1983,  mesmo antes que se abrira, xa que estiven quince días traballando no Concello por falla de material no centro que acababa de abrirse. Cando vin para aquí a oficina estaba onde está hoxe a conserxería; era un espazo pequeno, faltaban moitas cousas; eu tiña só unha mesa, unha cadeira e unha máquina de escribir das antigas; despois, cuns ladrillos e unhas táboas fixen uns estantes para ir poñendo as cousas (papel, sobres, carpetas...) Eu era da  secretaría do instituto de FP, que tiña estudos de Administrativo e Marítimo-Pesqueira; o instituto de BUP non tiñan administrativo nin moito espazo; compartíano con FP. No mesmo edificio estaban os dous institutos.

MF/. Como acordas aqueles primeiros tempos de centro?

GLORIA/. 
Era un ambiente moi familiar; ao principio había pouco alumnado, uns 120 e tamén pouco profesorado; Xavier aínda non chegara e eu botaba unha man aos de BUP, que tiñan que preparar os libros de escolaridade e outros documentos de oficina. Como a maioría do profesorado vivía daquela en Muros estaban moi integrados, xogaban co  alumnado partidos de fútbol, baloncesto, xa digo había moita relación entre todos nós. Por outro lado e como dixen antes,  ao principio faltaban moitas cousas, pero co tempo e boa vontade foise amañando todo.

MF/.  Cres que houbo moitos cambios daquela época até agora?; como os cualificarías?

GLORIA/. 
Pero que moitos!; medrou o edificio, do que era inicialmente ao que hai hoxe; tamén aumentou o alumnado e a profesorado. Acordo tamén de ir mellorando a parcela e poñer, co finado  Angel, árbores que daba o concello; preparar o xardín chantando árbores pequenas e flores por todo arredor do perímetro da parcela para que estivera todo máis bonito e quitar os restos do escombro da obra; en fin  todas esas árbores tan bonitas puxémolas daquela. E despois os cambios no traballo (agora tamén intervén Xavier); pasamos da máquina de escribir totalmente manual á electrónica e despois rapidamente aos ordenadores e tivemos que aprender os programas de xestión informática para utilizar na oficina, e máis Internet; todo axuda moito hoxe en día no traballo.

            O alumnado medrou moito, pero despois coa creación do instituto das Insuas e o de Carnota volvemos a baixar; tamén se perdeu o ciclo de Marítimo-Pesqueira, pero en xeral  creo que os cambios foron positivos. Temos moita axuda para desenvolver o traballo e algunhas outras cousas que antes tiñamos que facer nós, pois hoxe é a informática que o fai.

MF/. Como se ve o centro dende a oficina?

GLORIA/. (ri).
Ben, non moito porque como dixen antes, ao principio a oficina estaba na conserxería e tiñamos moita máis visión porque practicamente todo o mundo pasaba por diante da oficina; despois vimos para aquí e xa ves...Antes nós viamos á xente agora é a xente a que ven a vernos a nós. Non é que esteamos illados, pero loxicamente temos menos “visión”; polo demais estamos conectados co que pasa no centro, como todo o mundo.

MF/.  Poderías contarnos algunha anécdota?

GLORIA/. 
Ben, sempre hai algunha cousa en tantos anos. (vólvese a Xavier) O das ameazas de bomba; hai anos a algúns rapaces déuselles por chamar por teléfono con iso de que había unha bomba; chamaron varias veces e como sempre eran os mesmos unha vez, collín e díxenlle: mira neno, ven facer o exame e déixate de historias; porque as chamadas eran cando había algún exame; tivemos que dar aviso á Garda Civil e a policía local. Tamén unha vez vin a dous rapaces coller cartos da conserxería e metelos nos zapatos; tiveron que ir a dirección e alí dixeron que non levaban nada e entón díxenlles: quitade os zapatos, e alí estaban os cartos; tamén cando saltou a alarma e colleron ao caco dentro; e unha vez que un pai que viña a cubrir unha beca quería que eu lle aprobara unha asignatura á filla, e como lle dixen que non podía facer tal cousa díxome que “poder podía pero que máis ben non quería”; en fin, destas cousas que pasan ás veces.

MF/.  Ben, Gloria, non queremos interromperte máis tempo; soamente unha cuestión para finalizar  Despois de tantos anos, cal sería a lembranza que levarías contigo?

GLORIA/. 
Eu creo que a boa convivencia que hai e houbo no centro, entre todas as persoas: o alumnado, o profesorado, o persoal de administración e servizos. Tamén levaría o recordo de persoas, o de Angel, por exemplo.  Penso na ausencia de problemas que tiven con todas as persoas coas que tratei e trato no centro; penso tamén que a xente que ven a oficina queda contenta, marcha contenta; as persoas sempre son e foron consideradas comigo e co meu traballo; iso é importante.

Rosa

Picture
   Todos os edificios habitados polas persoas necesitan estar limpos e ordenados; hai que retirar as cousas que xa non se utilizan, e facer outras mil máis todos os días, como ben sabemos nós pola experiencia na casa de cada quen.

    O  noso centro non é unha excepción; as aulas, os corredores, as oficinas, o ximnasio, os aseos...están limpos e listos  para seu uso todos os dias; pero para  iso hai un grupo de persoas que se ocupan deste traballo totalmente necesario. Pero estas persoas, o persoal de servizos, veñen a traballar cando nós marchamos ou estamos a piques de marchar a casa, e por tanto a penas nos fixamos nelas, si ben vemos todos os días primeira hora o resultado do seu traballo. Entre estas persoas está Rosa, quen remata a súa vida laboral e colle a xubilación ao final deste curso. Como leva moitos anos con nós queriamos falar con ela antes que marchara e souberades da súa opinión e das súas lembranzas do instituto.

MF./  
Rosa, é certo como se di, que gobernas moito?

ROSA/.  (rindo) Moito máis que iso. Ben, realmente onde só goberno é no traballo que fago eu na miña pranta, pero non no traballo dos demais; eu só me ocupo do meu traballo; os demais que fagan o que queiran.

MF/.
Dende cando levas traballando no instituto ?

ROSA/.  Dende o 1 de maio de 1984; mireino para poder contestar á pregunta, si non non acordaba exactamente, que xa pasou moito tempo. Daquela, antes que entrara eu había dúas mulleres facendo a limpeza, pero marcharon e entón entramos outra muller e máis eu; de principio tivemos que aguantar gañando limpas só 8,000 pesetas ao mes, porque pagaban 20,000 pero tiñamos que pagar 12,000 de autónomos e a verdade é que non nos quedaba moito diñeiro. Ángel, o conserxe dixéranos que aguantáramos que logo nos meterían na Xunta, e así fixemos; aguantamos e despois xa pasamos a ser persoal da Xunta e melloramos moito; e así estiven ata hoxe.

MF/. 
Damos moito traballo ?

ROSA/.  Non, que va !; estou moi contenta co traballo. Acordo que cando nos puxeran por prantas, a min puxéranme na pranta baixa, onde estou agora, e había que baleirar e limpar a parte dos despachos e alí había moitas cousas vellas arrombadas nun cuarto, e entón falei con Adelina para que me dixera que cousas se podían quitar de alí para poder ter máis espazo e poder limpar mellor; axudou moito; ela seleccionaba e eu , o que non valía poñíao fóra. Direiche tamén, falando do que me preguntabas antes, que en xeral os rapaces dan menos traballo que as rapazas; prefiro limpar os váteres dos rapaces, e gastan menos papel!

MF/. 
Que é o que levas peor, e mellor?

ROSA/.  Ben, todos os días son iguais, non os hai peores ou mellores, polos menos no meu parecer; teño tamén que dicir que este Nadal non se fixo botellón; debeu de controlar máis a policía; houbo algunha cousa, pero este ano niso foi bastante bo .

MF/.
Cal é o recordo do centro que vas levar cando te xubiles?

ROSA/.  Pois a tertulia que cando fago con Gloria cando chego ao instituto, o falar con ela de cousas, de xente...; comentamos cousas de xente que coñecemos porque ela e máis o meu home son da mesma parroquia (Abelleira) e entón falamos de xente que coñecemos as dúas, de quen casou, si pasou algo... Co resto dos compañeiros, ben, pero a verdade é que teño máis trato con Gloria polo que dixen. Despois de marchar, vou botar de menos o traballo, porque despois de tanto tempo teño a vida xa moi afeita  a traballar aquí; e despois, todo irá pasando, porque ten que pasar...

           
Pois moitas grazas e ata sempre Rosa !

Esta produción PFX(PaísFonteXería) é unha colaboración para a revista Meigas Fóra

(c) Alfonso González Asenjo 2011
.